O Mulanqueiro

Quen polo entroido puideron regresar á aldea xa andan no seu labor polos camiños de Asturias e León. Na súa ausencia, que ha de durar ata o mes de xuño, o cumprido número de veciños na aldea, coa axuda de raparigas empregadas das aldeas máis achegadas, fanse cargo das angueiras da casa, dos traballos da terra e do coidado do gando. Tamén dos fillos dos «pañeros» ambulantes.

Un día máis, e Manoel, que aos seus setenta anos deixou atrás a vida itinerante, terá completada a quenda que durante todo un mes o tivo ocupado ao coidado do gando de toda a aldea. O día comeza para Manoel xuntando os animais de cada barrio. Seguidamente, ponse en camiño cara aos pastos altos da serra do Suído. Mentres está a subir co rabaño polo carreiro dos Arrieiros, a mirada lévaa aos penedos das Barreiriñas, un fastoso cúmulo de rochas graníticas que fai de gardián milenario do val, lugar do asentamento de Bumio, hoxe San Bernabé da Graña. De cando en vez, levadas polas brisas do val, chegan ata Manoel as voces afastadas dos veciños na aldea. Pouco antes de chegar ao primeiro cotarelo, onde perderá de vista as casas do lugar, vírase para lanzar unha última ollada: abaixo no val, penachos de fume branco elévanse por encima dos teitumes de palla que resplandecen baixo o sol de marzo.

O pastor e o seu rabaño de reses e ovellas adéntranse na serra. O carreiro avanza a través dunha paisaxe dominada polo carrasco, a xesta e o toxo, que nestas datas comezan a lucir as primeiras cores da primavera. Conforme ascenden, o silencio imprégnao todo ao redor. O monte sempre lle pareceu a Manoel un xigante durmido a quen só o vento se atreve a rozar. Faino cando asubía entre os penedos ou se encarreira pola garganta dos Regos, un angosto paso no avesío que rube ata as turbeiras de Chan de Lama Cabreira.

Ninguén chegou a oír os berros de Manoel. Quen, pouco máis tarde, deu co seu corpo á beira do camiño, nada puido facer polo pastor. Daquela, sobre as causas da traxedia, toda sorte de cábalas correron pola aldea na fala da xente: un desmaio, unha apoplexía… Ningunha puido ser confirmada. Despois de oito décadas, onde a historia foi contada unha e mil veces, os máis vellos deixáronse levar por esta hipótese:

Cando Manoel sentiu as primeiras dentadas do lume, preso do pánico, botouse a correr aterrado por entre a crecida matogueira que todo o cubría; na súa desesperación, coas labaradas mordéndolle as carnes, o noso pastor non fixo outra cousa que alimentar máis o seu propio inferno. As lapas lamberon no seu corpo coma nunha carqueixa.

O MULANQUEIRO

No medio da paraxe da Serra do Suído, custodiada polos penedos das Barreiriñas, unha sobria cruz de pedra levantada sobre unha roca á beira do camiño leva gravada unha data que o paso do tempo foi deslucindo: 30 de marzo de 1930. Lugar onde a Manoel, «O Mulanqueiro», nun descanso, o sono venceuno co cigarro aínda prendido.

J. Cendón

Deja un comentario